Características

A Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, de competencia autonómica, é unha entidade de dereito público, sen ánimo de lucro, con personalidade xurídica propia, que ten afectado de forma duradeira o seu patrimonio á realización dos fins de interese xeral que se detallan nos seus estatutos.

A Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica ten por misión a realización de actividades de promoción e protección da saúde dos galegos -garantindo o acceso en condicións de equidade a probas xenómicas que sexan de utilidade-, e tamén ser instrumento de apoio á atención sanitaria pública a través do uso de soportes tecnolóxicos para atender a crecente importancia da medicina xenómica na diagnose e tratamento de múltiples doenzas, especialmente nas relacionadas coa herdanza xenética e o cancro.
 
Estes instrumentos tecnolóxicos esixen unha alta especialización profesional, dado o seu proceso de constante desenvolvemento, polo que elementos como o I+D, a investigación e a formación resultan indispensables no seu desenvolvemento.
 
A fundación réxese polo padroado, como órgano de goberno, control e representación, integrado por un presidente de honra, un presidente, un vicepresidente, vocais e un secretario.
 
Os órganos de xestión da fundación son:
  • O director executivo.
  • O director técnico.
  • Os cargos directivos que determinen os presentes estatutos.
 
O Padroado é o órgano superior de goberno da fundación, que asume o seu control e representación e está composto por:
 
a) Vogais natos: designados en virtude do seu cargo, polo que perderán a súa condición ao cesar naquel. Son os seguintes:
  • Presidente de honra: o presidente da Xunta de Galicia.
  • Presidente: o conselleiro de Sanidade.
  • Vicepresidente: o secretario xeral do Servizo Galego de Saúde.
  • Director xeral da División de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde.
  • Director xeral da División de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde.
  • Director xeral da División de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde.
  • Director executivo da fundación.
  • Director técnico da fundación.
 
b) Vogais electivos: en número de catro, son nomeados por períodos de dous anos polo conselleiro de Sanidade, a proposta do director executivo da fundación, entre persoas de recoñecido prestixio e competencia no ámbito da investigación médico-sanitaria ou da medicina, cesando ao concluír o seu mandato se este non é prorrogado.
 
c) Secretario: con voz pero sen voto, que será designado polo padroado entre o persoal que preste os seus servizos na fundación, na Consellería de Sanidade ou no Sergas, e sexa titulado superior.

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Galicia o bo cambio